giovedì 3 dicembre 2009

Estamos de volta

Xa sei que levo unha chea de tempo sen atualizar isto, pero é que son malandro de nacemento, ultimamente estiven ocupado, a vida é moi complicada e esas cousas todas. Porén, chegou o inverno e o risco de frieiras, e xa teño case todo o material comprado para as catas desta temporada: vai haber uns poucos Glenfarclas, uns poucos Highland Park (xa tiña ganas de botarlle o dente ás novas versións), un par de Islays (cando tempo arrecie un pouco) e algunha outra coisita.

Dixen

Dalwhinnie 15 anos




Single Malt

Highlands

15 anos

Embotellado pola destilería (DIAGEO)

43% vol

Dourado pálido, que a esta idade indica emprego de madeira vella e/ou predominantemente americana, aínda que tamén ten algún reflexo máis intenso. O nariz responde ó que di a etiqueta: hai tons florais de uz (eu comentaría tanto da flor en sí como das follas estruchadas) e mel máis un belisco de fume. Con todo, a min o que me chamou a atención é un claro ton mentolado que envolve, seguindo coa gama floral, uns aires de flor de castiñeiro ou hedreira que se sobrepoñen ós de mel. Ten franqueza e frescura (sobre todo polo floral/vexetal [sen chegar a herbáceo] da uz e a menta). A boca é tamén franca, e saborosa e consistente sen ser forte, cunha base de cereal en xeral de sensacións doces sobre a que van xogando as notas que viamos no nariz ata dar nun final de lonxitude media con aroma de pan acabado de sacar do forno. En todo o percorrido,hai protagonismo absoluto para o destilado, xa libre de calquera aspereza de xuventude (a madeira limitouse a sustentar e desenvolver, e a migalla de fume que leva acentúa máis que cobre). Sobre a estrutura, ten unha certa complexidade pero sempre armada con moita claridade, cunha elegancia afable.

domenica 8 marzo 2009

Ardbeg TEN



Single Malt

Islay

10 anos

Embotellado pola destilería

46% vol

Velaquí un dos tres (nun futuro catro) grandes representantes do estilo máis coñecido de Islay, o do rompemar fumegante (os outros veñen sendo Lagavulin e Laphroaig e proximamente Kilchoman; tamén se podería contar a Caol Ila, pero o seu perfil vai un pouco nun capítulo aparte). Indo ó material en si, este líquido de cor palla cargado despide inmediatamente unha vaga de fume de turba que amosa claramente o que é, pero non deixa atrás todo un abano de complexidades, harmonías e excursos pituitarios nos que un pode botar tempo e máis. Está por un lado o carácter afumado en si, con notas de cinza e matices de hidrocarburos e piche fresco, que non logran sepultar un núcleo afroitado (pel de mazá vermella moi madura, carne de mazá golden) con derivacións que agora comentamos e mais ornamentos (non chegan a ingredientes de pleno papel) marítimos de iodo (percebe?) e matices de argazo e vento mareiro. Na boca o ataque é un algo picante pero estende inmediatamente a dozura do malte cunha sacudida de fume e cinza, para ir dando paso ó referido centro froital que se podería resumir como xa dixen (mazá) pero que fai incursións por outras tesituras (moi notablemente presenta aires de cando un entra na farmacia) sempre entrelazándose entre si mentres a cinza volve rexurdir ata un momento no que está a piques de entrar no dominante pero non chega a traspasar ese límite. O longuísimo final (especialmente nas primeiras semanas da botella), sinalado por un certo amargor que lle achega viveza, resolve en regalicia con certa substancia de chocolate branco e un resume dos compoñentes antes descritos movidos unha vez máis por certa brisa do mar.

Cómpre dicir que, conforme a botella leva unhas cantas semanas aberta e o nivel do líquido vai por debaixo da metade, prodúcese un notirio cambio na personalidade do líquido: as notas mariñas fanse aínda máis discretas e vai aparecendo, ata tomar protagonismo, un ton de pan torrado/aroma de habitación na que se fai café, ó tempo que a mazá da boca vai evolucionando e incluíndo, por exemplo, un certo carácter de infusión herbal, concretamente macela e herba luísa [teño que dicir que, sen considerar desagradable esta segunda cara, penso que o momento ópimo é cando leva entre unha e catro semanas aberto, pero como xa se sabe de gustibus non est disputandi]. Para resumir en poucos adxectivos, completo, razonablemente costeiro, complexo, potente [o suficiente como para parecerlle desagradable a quen non guste deste estilo] e, atención, equilibrado, co fume e a cinza sempre integrados aínda que, como xa dixen, coa sensación de que están a piques de pasar o límite.

domenica 1 marzo 2009

BenRiach Arumaticus Fumosus





Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

46,00% vol


Parece que se trata dunha edición remadurada/acabada/etc. en envase especial (neste caso de ron escuro xamaicano) da versión afumada de BenRiach. Tendo isto en conta, o primeiro que impacta deste whisky é a palidez do color: cor palla con notas aceiradas, que indican unha boa proporción de barricas de terceiro uso polo menos (o que non ten por que ser para nada unha mala cousa vistos os excesos que se teñen ambotellado nos últimos anos). No nariz temos un golpe de fume ben evidente pero que non encobre a personalidade do destilado, cheo de banana (madura e verde) con matices herbáceos que lle achegan frescura e mais certos atisbos de disolvente. Na boca preséntase algo similar, cun ataque importante pero non excesivo de turba que dá paso á banana con dozura e con matices de pera antes de volver rexurdir (a turba, digo), cun ton seco e secante no que sen desaparecer a banana se expande o fume con feluxe, algo de plátano e mesmo algo de embutido afumado.
Non podo valorar o impacto do ron pola miña completa ignorancia nese campo (quitando os combinados baratos con cola que un toma cando é novo e esas cousas todas), pero tanto o color como o feito de que o perfil do whisky quitando o fume e mutatis mutandis ten o aire de familia do BR de 12 anos fan supoñer que non puido ser moi agresivo e que máis ben fai acentuar os trazos que xa se atopaban no carácter da casa.

domenica 22 febbraio 2009

BenRiach 12 anos




Single Malt

Speyside

12 anos

Embotellado pola destilería

43,00% vol


Velaquí unha das notas que teño pendentes de colgar pero aínda non puxen por pura malandraxe a mais por unha tempada laboral un tanto frenética. Whisky de Speyside pouco visto pero cunha gama bastante ampla e que eu descoñecía completamente (comme tutti quanti, por outra parte). Merquei este por facerme unha idea do "básico", xa que non anuncia tratamento de madeira especial nin carga particular de fumo, a diferenza doutras propostas da destilería.
Na copa preséntase dourado pálido, sen ningún specto visual especialmente destacable. O nariz amosa un carácter perfumado con matices florais (uz, caravel) e afroitado; neste último aspecto toman o protagonismo notas de banana, madura, pero tamén, e especialmente, verde, acompañadas doutros aires tropicais ou de froita de verán, como pode ser o ananás e a pel de pexego, todo iso cun agradable e fino reborde de coco. Esta especie de macedonia con flores repítese na boca, onde se manifestan notoriamente o caravel e a banana verde, sostidas por un apuntalamento de vainilla e mel.
En xeral dá a impresión dunha estrutura un tanto simple: fondo moi razonable da madeira, coa vainilla e o coco (aínda que non teño completamente claro que este último estea orixinado polo carballo), e unha chea do que os perfumistas chaman notas superiores, con todas as pinceladas antes recollidas. Con todo, non carece dun certo encanto e por algún motivo acompaña ben a temporada pre-primaveral.

domenica 18 gennaio 2009

The Dalmore 15 anos





Single Malt

Highlands

Embotellado pola destilería

40,00% vol


Toca hoxe a terceiro e última (polo momento) mostra de Dalmore, co 15 anos (o de 40, o de 50, o Alexander III e o 1974 quedan un pouco fóra das miñas posibilidades). Totalmente criado en madeira de xerez (concretamente Matusalem, Apóstoles e Amoroso), este whisky amosa un color de ouro vello/ambarino que non se aparta demasiado dos anteriores. Na nariz continúa a semellanza da familia coa consabida laranxa, se ben desta volta se presenta cun ton máis perfumado (dándolle un pouco de tempo na copa parece escarchada e máis en licor), acompañada de chocolate con leite, matices anisados, certo ton floral de uz e toxo e todo un trasfondo que denota a madeira empregada: pasificados (ameixa, particularmente), especias (comiño? cravo?), azucre moreno e faiado/libros vellos.

Na boca, moi amable e franca, continúa o carácter de laranxa e chocolate con leite envolto en madeiras, pasificados, froitos secos (améndoa torrada), especias e os leves matices de monte, para rematar nun longo final marcado polo café e un nidio regusto de xaruto. Ó padal preséntase con certa sensación de densidade pero en ningún momento xaropento nin edulcorado. En certo sentido, parece como se collesemos o 12 anos, lle engadimos as dimensións xerezanas do Gran Reserva e lle desemos ó resultado un punto máis de desenvolvemento (que non de potencia).

domenica 11 gennaio 2009

The Dalmore Gran Reserva




Single Malt

Highlands

Embotellado pola destilería

40,00% vol


Ao igual que o de 12 anos, tamén o "Cigar Malt" pasou polo cambio, e agora chámase "Gran Reserva". Segue a ter como trazo principal unha proporción maioritaria de madeira de xerez fronte a bourbon (60/40), o que queda ben de relevo no nariz e no padal. Non así na vista, que é bastante semellante ó 12 anos (entre o outro vello e o ámbar). No nariz, preséntase a nota de laranxa acompañada de café, que, contra o que eu esperaba, é máis ben minoritario e cede espazo ao chocolate. Están presentes tamén os matices de monte e de coiro, pero dunha forma moito máis discreta que no 12 y o. O carácter do aroma acábase de redondear con tons de biscoito máis un certo recendo a madeiras vellas, a faiado. Adivíñanse tamén os pasificados que se farán máis intensos na boca.

Nesta última, segue a laranxa con chocolate envolta en pasificados de oloroso (uva/ameixa/figo sen que ningún sobresaia dos demais) e froitos secos (particularmente améndoa torrada e posiblemente algo de abelá), cunha repetición do aire de monte e, sobre todo, de faiado, que cos pasificados e os froitos secos define o final.

En xeral, comparado co de 12 anos (non cheguei a probar o Cigar Malt), resulta máis axerezado, con máis ton froitoso e de madeira vella, o que o pode facer máis atractivo para os afeccionados ós brandies andaluces, se ben me parece que o seu irmán de 12 anos tiña máis definición e empaque.